Pesca crea unha certificación profesional nova para a extracción con técnicas de mergullo O Consello da Xunta deu o seu visto bo ao proxecto de decreto que regulará o novo título que unificará as dúas modalidades existentes na actualidade.
O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace ao Decreto polo que se creará unha nova certificación profesional para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Con esta normativa unificaranse os dous títulos existentes na actualidade: o de recolector en apnea e o de recolector submarino, regulados polo Decreto 210/2000.
Dúas técnicas
A creación dun único título habilitante para a recollida de recursos específicos con técnicas de mergullo nas nosas augas responde a que nos últimos anos se ten constatado que é bastante frecuente que un mesmo mergullador alterne as dúas técnicas existentes ao longo da súa vida profesional.
Neste sentido, cabe sinalar que esas titulacións teñen gran parte do seu contido formativo común, polo que coa nova normativa se pretende que os profesionais que desexen cambiar a súa actividade de extracción non teñan que obter unha nova titulación, evitando así duplicidade de ensinanzas.
Ata 12 metros
Segundo o futuro decreto, para a realización de actividades subacuáticas en augas competenciais de Galicia en materia de marisqueo e coa única finalidade de extraer recursos mariños no marco dun plan de explotación aprobado ata unha profundidade de 12 metros, será necesario que as persoas que as efectúen se atopen en posesión da certificación profesional de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo.
A devandita certificación capacitará para recoller os produtos autorizados con inmersións en apnea ou con equipos de subministración de aire dende a superficie con circuíto aberto e cun tempo total no fondo que non requira a realización de paradas de descompresión.
Requisitos
Entre as condicións e requisitos para a obtención da certificación profesional atópanse ter cumpridos os 18 anos de idade, contar co ensino académico obrigatorio e superar o exame médico de aptitude para o mergullo profesional.
Ademais, será preciso pasar as probas físicas que se establezan e superar tanto o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico como o curso de formación e as probas prácticas correspondentes.
Curso
De feito, para obter o título profesional, as persoas interesadas deberán asistir a un curso formativo que terá contidos tanto teóricos como prácticos das técnicas de mergullo, así como de recolección responsable dos recursos, e terán que superar unha proba de coñecementos ante un tribunal designado pola dirección xeral competente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.
Por outra banda, establecerase que as persoas tituladas ao amparo da normativa anterior ao novo decreto poderán seguir exercendo a súa actividade nas condicións que cada permiso de explotación determine.
Prazo de un ano
Así mesmo, os profesionais que estean en posesión dos certificados de recolector en apnea e recolector submarino disporán dun prazo de un ano para validalos segundo o establecido na nova norma.
Neste eido, aquelas persoas que estean en posesión unicamente dun dos títulos existentes na actualidade terán que facer a parte do programa formativo que determine a Consellería de Pesca para obter a nova certificación.
Coa entrada en vigor do novo decreto, o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, quedarán derrogados, entre outros, o Decreto 210/2000 sobre regulación das certificacións profesionais para a extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia ou a Orde do 17 de outubro de 2000 pola que se regula o procedemento de obtención dos certificados profesionais para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo en Galicia.
Fuente:
http://www.galiciagastronomica.com/index.php?option=com_content&task=view&id=1360&Itemid=39&lang=es